Maxia, creatividade e disfraces no Samaín de 5º de Primaria
O alumnado de 5º de Primaria celebrou unha xornada terrorificamente divertida chea de escrita, xogos e tradición.
A aula de 5º de Primaria transformouse nun espazo cheo de monstros, bruxas e criaturas misteriosas para celebrar o Samaín por todo o alto, nunha xornada marcada polas risas, a aprendizaxe e as ganas de pasalo ben.
Durante a mañá, a creatividade e as letras déronse a man. O alumnado elaborou cadansúa redacción sobre o seu personaxe, que quedou recollida xunto a unha fotografía para enriquecer o seu portfolio de escritura, demostrando que a imaxinación é un motor fantástico para aprender a escribir.
A diversión continuou grazas a unha compañeira da clase que exerceu de monitora para ensinar a todo o grupo a facer comecocos terroríficos. Ademais, houbo tempo para gozar dun animado desfile de disfraces, compartir unha saborosa merendola e continuar cos xogos durante o tempo do recreo.
Como broche de ouro a esta data tan especial, as nenas e nenos participaron nun obradoiro de vasoiras máxicas, onde puxeron en xogo a súa destreza manual e imaxinación. Foi unha celebración completa que demostrou que tamén se aprende compartindo e gozando en comunidade.