Aprendemos a coñecernos, coidarnos e respectarnos na aula
O alumnado participou nun enriquecedor obradoiro impartido por María, de Amaturi, centrado no autocoñecemento, a intimidade e o respecto nas relacións.
A nosa aula acolleu unha sesión moi especial guiada por María, de Amaturi, na que as nenas e nenos tiveron a oportunidade de falar, reflexionar e resolver dúbidas arredor do coidado do propio corpo e as relacións cos demais.
Durante o encontro traballáronse as diferenzas entre os conceptos de íntimo, privado e público a través de situacións cotiás como o descanso, a hixiene persoal ou a menstruación, recoñecendo que existen espazos de intimidade propios de cada persoa. Así mesmo, abordouse o proceso natural da menstruación para vivilo con normalidade e sen prexuízos.
Outro punto fundamental foi a xestión dos segredos, distinguindo aqueles que xeran ilusión dos que provocan malestar ou temor, lembrando a importancia de pedir axuda a persoas adultas de referencia. Ademais, profundouse no valor do consentimento, insistindo na necesidade de respectar as decisións e os límites propios e alleos.
A xornada completouse coa consulta dun libro divulgativo sobre a reprodución e o comportamento de diversos animais na natureza. Esta actividade foi posible grazas ao traballo de María de Amaturi e ao apoio da AFA a través do seu financiamento.